domingo, 31 de marzo de 2013

A árbore na literatura galega



A árbore, Castelao "Sempre en Galiza"

"A árbore é un símbolo do señorío espiritual de Galiza".

A árbore é un engado dos ollos, pola súa fermosura;

é unha ledicia dos ouvidos, porque nela cantan os paxaros;

é un arrolador do espirito, porque nas súas polas conta contos o vento.

A árbore danos a froita que é un manxar composto polo noso creador, para regadía do noso padal: o derradeiro ben que nos queda do paraiso perdido.

A árbore pídelle auga ó ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura.

A árbore danos a sombra fresca na verán e a quentura agarimosa no inverno.

A árbore danos as traves, o sobrado e as portas da casa.  Danos o berce, o báculo da vellez e a caixa pra baixar a terra.

A árbore danos o papel barato que nos trae a decotío as novas do que pasa no mundo.

Val máis unha terra con árbores nos montes que un estado con ouros nos bancos.

A calvicie dos montes galegos  é unha terrible acudación contra o estado unitario.

As árbores son as minas galegas que NOS SABEREMOS EXPLOTAR CANDO A NOSA TERRA SEXA NOSA. 



"Teoría da arbre"

O berce foi antes arbre.
Berce de arbre é o vento.
O arbre fillo da terra,
danos sombra i alimento.

Arbre, a porta da casa,
arbre, o estrado i o teito,
arbre, o carro i a mesa,
arbre, a chuvia no vento,
arbre, a caixa do morto,
arbre, a fiestra i o asento.

Arbre, o bosco i a barca,
no medio soi silencio.

A nosa casa é un arbre.

Casa do arbre é o vento
que pasa peleriñando
con ledos paxaros dentro.

O arbre danos de todo,
barca, teito, enterramento.

O mundo semella un arbre
prantado no firmamento.
A vida parece un arbre,
no medio tan soio o vento.

Celso Emilio Ferreiro. "Viaxe ao país dos ananos"


No hay comentarios:

Publicar un comentario